O martes 22 de outubro ás 17.30h na biblioteca do Ateneo (Praza de Salvador Parga, 4-2º) terá lugar a primeira sesión do Club de lectura do bloque «Narra a túa propia aldea coma se fose universal», na que se comentará a obra Corazón que ríe, corazón que llora de Maryse Condé.
En Corazón que ríe, corazón que llora asistimos ao relato dos primeiros anos da autora, dende o seu nacemento en pleno Mardi Gras, cos gritos da súa nai confundíndose cos tambores do entroido, ata o primeiro amor, a primeira dor, o descubrimento da propia negritude e da propia feminidade, a toma de conciencia política, o xurdimento da vocación literaria, a primeira morte. Estas son as lembranzas dunha escritora que, moitos anos despois, bota a vista atrás e se mergulla no seu pasado, buscando facer as paces consigo mesma e coas súas orixes.
Maryse Condé naceu en 1937 en Pointe-à-Pitre, capital do arquipélago antillán de Guadalupe. Foi a menor dunha familia de oito irmáns e, cando tiña dezaseis anos, marchou a París a estudar no liceo Fénelon, e despois na Sorbona. Tras reamtar os seus estudos, traballou como profesora de francés en Guinea, Ghana e Senegal, ata que en 1970 regresou a Francia. Cinco anos despois doctorouse en Literatura Comparada cunha tese sobre os estereotipos negativos da poboación negra que aparecían na literatura caribeña. É autora de máis dunha trintena de obras que van dende a novela ao relato, pasando por obras de teatro, ensaio, novelas infantís e autobiografía. Ten recibido numerosos premios como o Nobel alternativo de Literatura polo conxunto da súa obra (2018), o Premio nacional de Literatura sobre a Muller ou o Premio Anaïs-Ségalas da Academia Francesa, sendo en 1993 a primeira muller en recibir o Premio Putterbaugh, outorgado polos Estados Unidos a escritores francófonos.
comment closed