O pasado 7 de novembro tivo lugar no Pazo de Fonseca a inauguración da exposición «Valente e a unidade das artes», organizada pola USC e pola Cátedra José Ángel Valente en colaboración co Ateneo de Santiago. No acto participaron Mar Lorenzo, Vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos; Claudio R. Fer, Comisario da mostra; e Salvador García-Bodaño, Presidente do Ateneo de Santiago.
A exposición permanecerá aberta ata o día 4 de xaneiro de 2020 en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.
“Valente e a unidade das artes” é unha exposición que fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago, conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón á USC do seu arquivo e e da súa biblioteca persoais. José Ángel Valente foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra. En consonancia coa súa crenza na unidade das artes, Valente publicou moi importantes libros de artista con diversos pintores e escultores europeos, cuxas contribucións se expoñen completas: Antonio Saura, Eduardo Chillida, Paul Rebeyrolle, Jürgen Partenheimer, Rafa Forteza e, sobre todo, Antoni Tàpies, o autor con quen máis veces colaborou. Este diálogo perdurou tras a súa morte, pois a súa esposa Coral, Leopoldo Nóvoa ou Rafael Pérez Carrió editaron postumamente, con versos do poeta, libros do artista que tamén se expoñen completos.
comment closed