To all lovers of Musick
As sonatas de Haendel
AL AYRE ESPAÑOL
EDUARDO LÓPEZ BANZO clave e dirección
ALEXIS AGUADO violín
KEPA ARTETXE violín
GUILLERMO TURINA violoncello
XISCO AGUILÓ contrabaixo
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Santiago de Compostela
venres 9 outubro 2020
20.00h
Baixo a dirección do seu fundador Eduardo López Banzo, Al Ayre Español, probablemente o conxunto de referencia estatal no eido da música barroca, inaugura o festival cun concerto dedicado ás sensacionais sonatas de Georg Friedrich Haendel. Para moitos, Haendel, o máis importante operista do Barroco, é, sen dúbida, figura transcendental na historia da música. Ademais do seu talento para a música de cámara, nestas sonatas, publicadas en Londres en dúas coleccións distintas en 1733 e en 1739, atopamos sen dificultade a fértil imaxinación de Haendel como compositor de ópera xa que conteñen unha forte presenza de elementos dramáticos e teatrais e mesmo foron definidas como “óperas sen palabras”. Al Ayre Español é unha agrupación merecedora de notorios recoñecementos como o Premio Nacional de Música, outorgado polo Ministerio de Cultura. Con máis de trinta anos de experiencia ás súas costas e toda unha institución musical e cultural, Al Ayre Español goza dunha gran reputación internacional, é invitado repetidamente para actuar nos máis prestixiosos festivais e salas de concerto do mundo e atesoura unha amplísima e galardoada discografía.
AL AYRE ESPAÑOL
EDUARDO LÓPEZ BANZO
Fundado en 1988 por Eduardo López Banzo co propósito de facer fronte aos tópicos que daquela rodeaban as interpretacións da música barroca española, o espírito de Al Ayre Español sempre foi combater estes clixés con rigor, excelencia na interpretación e o ánimo de insuflar nova vida ás músicas do pasado na oferta a un público contemporáneo. Al Ayre Español tense convertido, non só nunha formación prestixiosa senón nunha filosofía de interpretación que Eduardo López Banzo construíu paseniñamente cos seus músicos e que agora é recoñecible, solicitada e aclamada en todo o mundo.
Trinta anos nos festivais e teatros máis importantes de Europa, catorce anos como orquestra residente no Auditorio de Zaragoza, dezaoito discos, premios e distincións nacionais e internacionais e unha incesante axenda de compromisos, confirman que o conxunto aragonés é unha das referencias máis salientables no eido da música antiga e barroca a nivel internacional. Al Ayre Español ten actuado nos escenarios máis prestixiosos do mundo: Concertgebouw de Ámsterdam, Musikverein e Konzerthaus de Viena, Tonhalle de Dusseldorf, Konzerthaus e Filharmónica de Berlín, Théâtre des Champs Elysées e Cité de la Musique de París, Teatro Real e Auditorio Nacional de Madrid, Palau da Música Catalana e Gran Teatro do Liceu de Barcelona, Laeiszhalle de Hamburgo, Library of Congress de Washington, Palais des Beaux Arts de Bruxelas, Arsenal de Metz, etc. Tamén é convidado aos máis importantes festivais: Festival de Pascua de Baden Baden, Bachfest (Lepizig), Festival de Música Antiga de Utrecht, Internationale Festtage Alter Musik (Stuttgart), Schleswig-Holstein Musik Festival, Dresdner Musikfestpiele, Toulouse les Orgues, Festival de Ambronay, Festival Händel de Halle, Festival International d’Opéra Baroque de Beaune, Festival de Saintes, Festival Internacional Cervantino (México), Festival Monteverdi (Cremona), Authentica (Israel), Festival Via Stellae (Santiago de Compostela), Festival Antiquarium (Moscova), Festival de Música Religiosa de Oslo, Primavera de Praga, Festival Internacional del Camino de Santiago, etc. Al Ayre Español ten realizado gravacións discográficas para os selos Almaviva, Fidelio, Deutsche Harmonia Mundi, Harmonia Mundi France, Naïve-Ambroisie e Challenge Records. Al Ayre Español recibiu o Premio Nacional de Música 2004, outorgado polo Goberno de España, e é Embaixador de Zaragoza dende 2011. Conta co patrocinio de Industrias Químicas del Ebro e do Ministerio de Cultura de España e mantén un acordo de residencia co Auditorio de Zaragoza dende 2004.
PROGRAMA
Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Sonata op. 2 núm. 4 en Fa Maior, HWV 389
Larghetto – Allegro – Adagio – Allegro – Allegro
Sonata op. 2 núm. 6 en sol menor, HWV 391
Andante – Allegro – Arioso – Allegro
Henry Purcell (1659-1695)
Suite en sol menor Z. 661
Prelude – [Almand] – Corant – Saraband
Ground, Z. D222
Suite en Re Maior Z. 667
Prelude – Almand – [Hornpipe]
Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Sonata op. 5 núm. 4 en Sol Maior, HWV 399
Allegro – A tempo ordinario – Allegro non presto – Passacaille – Gigue –Menuet
Sonata op. 5 núm. 5 en sol menor, HWV 400
Largo – Come alla breve – Larghetto – A tempo giusto – Air – Bourrée
PROTOCOLO SANITARIO (de obrigado cumprimento)
comment closed