Pódese visitar no Museo Centro Gaiás ata o 17 de xaneiro de 2021, de martes a domingo de 10h a 20h.
Galicia, de Nós a nós reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles do outono de 2020, no que se conmemora o centenario da publicación da revista Nós. O Museo Centro Gaiás exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.
Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, Galicia, de Nós a nós nace tamén co espírito de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta; ademais dar a coñecer polo miúdo unha revista que é un dos referentes imprescindibles da cultura galega do s. XX.
Levándonos desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata os nosos días, a mostra permite contemplar obras que foron obxecto de estudo da revista, como o Santiago de Morlaix, o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense, o puñal de Beluso, ou a estela de Florderrei Vello. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, suscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.
comment closed