Hoxe ás 20.00h terá lugar unha nova conferencia de Os Luns do Ateneo titulada ‘O Centro de Supercomputación de Galicia: unha revolución discreta’, que estará impartida por Juan Casares, primeiro Director desta institución.
O Centro de Supercomputación de Galicia é unha estrutura tecnolóxica para a mellora das capacidades científicas e técnicas da nosa Comunidade. O CESGA, que xurdiu pola necesidade de dotacións ás Universidades da Coruña e Vigo e para cubrir outras necesidades da Universidade de Santiago, ten como misión contribuír ao avance da Ciencia e a Técnica mediante a investigación e aplicación de computación e comunicacións de altas prestacións para o beneficio da sociedade.
Juan Casares é licenciado e doutor en Química e foi profesor adxunto nas Universidades de Vigo e Compostela, ademais de catedrático en Sevilla, Cantabria e Santiago. Foi tamén director do Departamento de Enxeñería Química da USC así como Reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2010 e 2014.
Debido ás restricións sanitarias, a esta conferencia só se poderá asistir por medio da páxina web www.ateneodesantiago.com, así como das redes sociais do Ateneo, Youtube (Ateneo de Santiago), Facebook (Ateneo Santiago) e Twitter (@AteneoSantiago).
As preguntas para o coloquio posterior poderán enviarse cunha mensaxe de voz ao whatsapp do Ateneo 622 274 110 co fin de seren reproducidas en directo.
Ver en Lindeiros
comment closed