O luns 2 de abril ás 20 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia para conmemorar o Día do Libro Infantil e Xuvenil organizada pola Sección Arte, Educación e Cultura titulada “É infantil a literatura infantil?”, que estará impartida por Marilar Aleixandre, escritora e académica da RAG.
María Pilar Jiménez Aleixandre naceu en Madrid en 1947 e di que ten saudades de todas as cidades e vilas nas que viviu: Ceuta, Doña Mencía (en Córdoba), Madrid e Vigo, a onde chegou en 1973. Dende entón vive en Galicia, agora en Santiago de Compostela, e adoptou o galego como lingua literaria. Estudou Bioloxía e durante un tempo tivo unha intensa relación con certos escaravellos e saltóns. Despois foi profesora de Ciencias Naturais nun instituto durante doce anos, realizando numerosos libros e artigos sobre a ensinanza das ciencias que lle valeron algúns premios de investigación. Na actualidade é profesora de Didáctica de Ciencias e Educación Ambiental na Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Aínda que comezou a escribir (relatos sobre vampiros) mentres estudaba na facultade, tardou bastante en publicar A Formiga coxa, a súa primeira novela infantil, en 1989. Despois seguíronlle outras novelas, tanto dirixidas ao público xuvenil, como ao adulto, así como poesía e colaboracións en revistas: CLIJ, Festa da Palabra, Dorna, El Signo del Gorrión. Ten recibido numerosos premios, entre eles,o Premio da Crítica á creación literaria en galego 1995, o Premio Merlín de literatura infantil 1994, o Premio Manuel Murguía de Relato breve 1997, o Premio Rañolas ao mellor libro infantil/ xuvenil en galego 1996, o Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa 1997 ou o Premio Esquío de poesía en galego 1998. Tamén está na Lista de honra do IBBY 1997, apartado tradución, por A caza do Carbairán de Lewis Carroll.
comment closed