O luns 21 de xaneiro ás 20 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente titulada “Intelixencia Artificial, que é e por que é importante?”, que estará impartida por Amparo Alonso, Catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da UDC e Presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA).
Na conferencia describirase que é a Intelixencia Artificial, os tipos de aplicacións máis comúns no mercado, como nos afectará previsiblemente aos humanos e que desafíos principais traerá consigo.
Amparo Alonso Betanzos é Catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, onde coordina o grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial). É Licenciada en Químicas e Doutora en Físicas pola Universidade de Santiago e foi Posdoutoral Fellow no Medical College de Georgia (EEUU), onde traballou tres anos. A súa área de investigación é o desenvolvemento e a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial en diversas áreas, así como a Aprendizaxe Computacional e as técnicas de Ciencia de Datos (Big Data), colaborando con outros grupos de investigación nacionais e estranxeiros e sendo autora de varios artigos científicos e libros sobre o tema. Recibiu en 1998 o Premio L’Oréal-UNESCO a Women in Science en España e é Senior Member de asociacións profesionais de nivel internacional, como IEEE e ACM. Actualmente, dende 2012, é a Presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA).
comment closed