O luns 30 de setembro ás 20.00 horas a Real Academia de Ciencias de Galicia, coa colaboración do Ateneo de Santiago, realizará na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela a conferencia “Química para un mundo mellor”, que estará impartida por Juan Lema, Catedrático de Enxeñaría Química na USC.
O concepto “Química” ten en moitos ámbitos sociais connotacións negativas, relacionadas co deterioro do medio ambiente. Sen embargo, ao longo dos séculos os científicos teñen desenvolvido a nivel laboratorio e producido a escala industrial produtos extraordinariamente útiles para o benestar social e mesmo para preservar a natureza. Na conferencia preténdese, propoñendo como exemplos básicos a produción de antibióticos e de fertilizantes, amosar o papel fundamental da química no desenvolvemento da Humanidade. Tamén se fará un repaso a outros produtos e procesos, a maioría deles con actividade en Galicia, que resultan vitais para o benestar social.
A conferencia enmárcase na programación da exposición “Química para un mundo mellor”, a inaugurar o día 3 de outubro no Colexio de Fonseca da USC, organizada pola Real Academia Galega de Ciencias, e patrocinada pola industria química galega, que pretende dar a coñecer á Sociedade os avances extraordinarios atinxidos pola química e os esforzos na busca de novas solucións en sectores tan relevantes como a alimentación, a saúde, o medio ambiente ou os materiais.
Juan M. Lema Rodicio é Catedrático de Enxeñaría Química na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Director de CRETUS (Cross-Research in Environmental Technologies) e Presidente da Real Academia de Ciencias de Galicia. Director de 59 Teses Doutorais e autor de máis de 350 artigos en revistas internacionais (índice H scopus: 56) e de 11 patentes (5 delas europeas), liderou a acción COST ”Conceiving Wastewater Treatment in 2020” (Water 2020) con participación de 34 países. Coordina a rede española Novedar_Consolider e a galega REGATA e os seus intereses actuais en investigación céntranse na eliminación de microcontaminantes de augas residuais, procesos de co-dixestión anaerobios, desenvolvemento de reactores para tratamento de augas e biorefinería. Foi director dos Departamentos de Enxeñaría Química da UA Barcelona e da USC, o primeiro Director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e o primeiro presidente da Conferencia de Decanos e Directores de Enxeñaría Química (CODDIQ), do que actualmente é Presidente honorario. Entre outros, recibiu premios e distincións como o European Prize A-IQS for industrial enzymes, o Premio Babcock á innovación tecnolóxica, o da Fundación García Cabrerizo á innovación científica, Dr. Honoris causa pola PUC Valparaíso (Chile), a Insignia de ouro da USC, a Medalla de ouro de Enxeñaría química da U. de Valladolid, Fellow de International Water Association (IWA), Académico da Real Academia Galega de Ciencias e Profesor honorario da Universidade de Queensland (Australia).
comment closed