O pasado día 18 de setembro inaugurouse na Igrexa da Universidade a exposición «Ricard Terré. Fotografías», organizada pola USC coa colaboración do Ateneo de Santiago. A mostra permanecerá aberta ata o 9 de novembro en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. No acto participaron Mar Lorenzo, Vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos; Laura Terré, filla do fotógrafo; Antón Porteiro, membro da directiva do Ateneo de Santiago; e Mercedes Rosón, Concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago.
Ricard Terré está considerado como un dos fotógrafos máis destacados da súa xeración. A súa fotografía, dunha gran coherencia temática e formal, ten un carácter subxectivo que a fai identificable, aínda tendo en conta a diversidade de series que foi producindo ao longo da súa carreira. O seu traballo está presente nos principais tratados de historia da fotografía e nas coleccións máis importantes. Un ano antes da súa morte, que acontece en Vigo en 2009, recibe o Premio Bartolomé Ros á mellor traxectoria fotográfica, outorgado polo festival de fotografía PhotoEspaña.
Esta é a primeira mostra individual de Ricard Terré en Santiago de Compostela. O lugar elixido é o mellor ambiente para deixarse levar polas inquietudes que motivaron ao fotógrafo. A selección reúne, xunto ás pezas máis representativas da súa traxectoria, outras imaxes menos coñecidas feitas en Galicia e, concretamente, en Santiago de Compostela. Os elementos barrocos do espazo no que están emprazadas serven de apoio para a contemplación das fotografías, resoando na paixón que expresan as miradas e o simbolismo dos suxeitos fotografados. Así, instaladas no frontal do retablo, en diálogo coa iconografía, destaca un conxunto pertencente á serie Imaxes Abandonadas, retratos da imaxinería obsoleta captada nas sacristías da diócese de Tui. Na igrexa, como encrucillada das naves, encóntranse eses tres camiños que se internan en épocas distintas e atravesan series e territorios diversos: a infancia, o trasgo que anima o cotián e as metáforas da morte. A obra de Terré revela un coñecemento profundo da vida, sempre interpretado en clave de humor.
comment closed