O luns 16 de novembro ás 20.00 horas o Ateneo de Santiago ten programada unha conferencia organizada pola Sección Sociedade Civil titulada “A viabilidade do Sistema Público de Pensións: unha perspectiva dende Galicia”, que estará impartida por Miguel Ángel Vázquez Taín, profesor titular da USC e Presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas.
Debido ás restricións sanitarias, a esta conferencia só se poderá asistir por medio da páxina web www.ateneodesantiago.com e as seguintes redes sociais do Ateneo:
Youtube: Ateneo de Santiago
Facebook: Ateneo Santiago
Twitter: @AteneoSantiago
As preguntas para o coloquio posterior poderán enviarse cunha mensaxe de voz ao whatsapp do Ateneo 622 274 110 co fin de seren reproducidas en directo.
As pensións sempre son un dos principais asuntos nas campañas electorais. Durante décadas lévanse utilizando como foco de atención xa que é un feito que xenera incertidume. Malia que moitos expertos aseguran que o nivel das pensións está asegurado, é difícil saber se poderemos manter ese mesmo nivel de vida despois de traballar. A todo isto debemos sumarlle que Europa é un continente envellecido e a esperanza de vida aumentou nos últimos anos polo que, a priori, pode que haxa menos traballadores que poidan sostelas.
Miguel Ángel Vázquez Taín é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e en Dereito, pola UNED, ademais de obter o seu doutoramento en Economía na USC. Actualmente é Profesor Titular de Economía Pública e Sistemas Fiscais na USC e Vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. É tamén presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas e decano-presidente do Colexio de Economistas de A Coruña dende o ano 2013.
comment closed