Santiago, hai cen anos, tiña unhas trinta fábricas de cacao
Houbo un tempo no que polas rúas de Compostela arrecendía a cacao e cascarilla. Eu, que levo nesta cidade relativamente pouco (dende finais dos anos oitenta), aínda puiden conversar, in situ, cun dos últimos representantes daqueles días, Manuel Raposo Montero, quen, en 1996, tralo mostrador de Chocolates Raposo da rúa das Orfas, dicíame que, cos seus oitenta anos (levaba máis de sesenta no negocio), ía pechar o local, pois xa estaba canso e non tiña quen seguise a actividade. Tras el, dous carteis: un, na porta, que poñía «Se traspasa». Outro, moi especial, pendurado da parede e enmarcado: o diploma da Exposición Rexional Galega de 1909 que acreditaba que a empresa recibira a Medalla de Ouro.
Porque a elaboración do chocolate foi ouro puro para Compostela -e para toda Galicia- nun tempo, finais do XIX, que temos bastante esquecido e, xa que logo, infravalorado. Conta a historiadora Encarna Otero no libro Compostela única, editado polo Ateneo de Santiago, que no ano 1906 había na cidade 26 fábricas de chocolate. E que, en toda Galicia, a comezos dos anos 30 existían arredor de 100, cunha produción aproximada de sete millóns de libras: «Foi tal a importancia do sector que o propio Partido Galeguista incluíu no seu programa electoral, no apartado de economía, a liberdade de importación de cacao para poder aumentar así a carga de traballo», afirma Encarna.
O chocolate daba moito de si. E a cascarilla, o chocolate dos pobres, pois así se coñecía, resultado de cocer a casca do cacao para obter o que sería un sucedáneo moito máis económico. Lembremos que na Coruña esta práctica chegou a denominar a todo un pobo: cascarilleiros.
Manuel Raposo (que falecería no 2011 con 96 anos) era testemuño deses tempos únicos en Compostela. A súa fábrica fora fundada en 1902. Levaba no número 15 das Orfas dende 1940. Como podemos ver na imaxe, a decoración conservaba aínda nos seus días derradeiros de 1996 aquel arrecendo singular: unha luz lene, a madeira tallada do mostrador, ese aire heterodoxo, híbrido, de toda tenda de coloniais… E, expostas, as famosas vieiriñas de chocolate, ou as rochas, ou os esponxosos… A calidade do chocolate santiagués era apreciada mesmo na Villa y Corte, pois o produto elaborábase dun xeito manual, artesanal e «a brazo», como lembra Encarna Otero. Hoxe, a memoria e o arrecendo deses tempos dourados pervive en nomes como Metate ou Casa Mora, entre outros. A cidade non debería perder a oportunidade de exhibir este pedigrí como un dos seus sinais de identidade.
Ver en La Voz de Galicia
Descargar en PDF
comment closed