«O importante patrimonio cultural da Cátedra Valente e da USC debe poñerse á disposición da sociedade»
- Marcela Bao
O pasado 7 de novembro inaugurouse no Colexio de Fonseca, ante numeroso público e coa acollida de María do Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, a exposición «Valente e a unidade das artes», comisariada polo poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, a quen entrevistamos a continuación.
Cal é a motivación institucional desta exposición da Cátedra Valente?
Trátase de visibilizar o importante patrimonio artístico e documental da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, mostrando ao público xeral o extraordinario legado de Valente, quen nos doou o seu gran arquivo e a súa abondosa biblioteca no ano 2000. Penso en xeral que o riquísimo patrimonio cultural da USC debe poñerse á disposición da cidade de Santiago e da súa veciñanza, así como á dos numerosos visitantes que recibe Compostela, en permanente transferencia á sociedade do noso saber, do noso traballo e das nosas valiosísimas coleccións.
E cal é a motivación artística e intelectual da exposición “Valente e a unidade das artes”?
José Ángel Valente, Doutor Honoris Causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade, pero tamén pola interdisciplinariedade da súa obra e do seu pensamento. Nesta mostra reúnense por primeira vez as principais edicións que o poeta fixo con artistas, así como se expoñen tamén por vez primeira as publicacións da Cátedra Valente xunto ás obras artísticas que as ilustraron, pois sempre levan na sobrecuberta unha peza de arte relacionada coa estética valenteana. Así, en coherencia co pensamento de Valente, quen cría na unidade das artes, móstranse poemas e libros xunto a cadros e obxectos poñendo en evidencia que todos se rexen polos mesmos principios aínda que sexa con distintos medios, pois tanta poesía hai nos versos como nas imaxes que os acompañaron nas súas edicións, moitas delas xoias bibliográficas de gran formato moi difíciles de ver fóra da Cátedra Valente pola súa exclusividade, pola súa escaseza ou polo seu elevado prezo.
Como foi estruturada a exposición?
A exposición pensouse para o privilexiado espazo do histórico Pazo de Fonseca, concretamente, para a súa antiga capela gótica, onde se exhiben as producións máis espirituais e relacionadas coa mística, e para o magnífico salón de artesoado mudéxar, onde se sitúan as producións de carácter máis existencial, histórico, político e social. Así, alternando sempre cadros con vitrinas, as chamadas leccións de tebras, de inspiración cabalística hebrea, ou os haikus reproducidos en tea de seda e gardados en caixa de cerdeira (en sintonía non só poética, senón tamén material, co Extremo Oriente), poden verse sobre e baixo a pedra, mentres que as reflexións sobre a humanidade ou sobre a sociedade, poden verse sobre e baixo a madeira. Polo demais, na antiga sancristía da capela proxéctase permanentemente un documental sobre Valente, de David del Águila, no que interveñen o poeta e diversos amigos e especialistas na súa obra. Así, ponse materialmente en escena, pois, a unidade das artes: poemas que motivan pinturas, gravados ou películas que a súa vez se exhiben nun recinto arquitectónico non menos artístico.
Que conteñen as vitrinas documentais laterais?
As dez vitrinas laterais documentan as relacións interartísticas de Valente. Hai dúas sobre as mantidas co catalán Antoni Tàpies e oito, respectivamente, co aragonés Antonio Saura, co vasco Eduardo Chillida, co galego Leopoldo Novoa, co xudeu Baruj Salinas, co francés Paul Rebeyrolle e co alemán Jürgen Partenheimer, ademais da que comparten o valenciano Ramón Pérez Carrió e Coral, viúva do José Ángel, que baseou os seus trazos nas propias cicatrices cirúrxicas do corpo do poeta. Nestas vitrinas exhíbense as publicacións ilustradas, así como cartas e outros documentos significativos.
Que se recolle nas tres longas vitrinas bibliográficas centrais?
Os tres expositores centrais mostran os libros publicados pola Cátedra Valente, pois cada un deles conta cunha ilustración debida a algún artista vinculado persoal ou esteticamente a Valente, como a xa citada Coral, pero tamén Menchu Lamas, Antón Patiño, Carlos Schwartz, Antón Sobral ou Alejandro Vidal. En varios casos puido alternarse a exposición do libro co da obra orixinal reproducida na cuberta, como ocorre coas contribucións de María José Santiso, Baruj Salinas, Lola Valls, Leopoldo Nóvoa e Sara Lamas, autora esta de varios retratos do poeta e mesmo doutros autores para o interior do libro Poetas con Valente. Por outra banda aparece tamén o poema obxecto «Cofre do infinito» coa imaxe poético-matemática coa que ilustrei a cuberta do meu libro » Valente infinito (Liberdade creativa e conexións interculturais)».
En que consiste a sección máis ampla, dedicada a Tàpies?
Dende as columnas centrais da capela gótica, exhíbese no antigo altar e proximidades o intenso e extenso diálogo interartístico entre Valente e Tàpies, quen ilustrou a cuberta de numerosos poemarios do autor ourensán, entre eles o da conversa que mantiveron sobre estética. Ademais xuntos fixeron » O péndulo inmóvil», gran libro de artista con tres grandes gravados e tres poemas manuscritos que o poeta concibiu na casa da súa íntima amiga María Zambrano, onde estaba o reloxo de péndulo ao que se alude no título. Poden verse, pois, en vitrina ou na parede, todas estas obras, máis outras de Tàpies que posuía o poeta, así como cartas do pintor e outros documentos ilustrativos de tan importante relación interartística e mesmo sociopolítica. De feito, exhíbese o cartel conmemorativo da revolución de Asturias de 1934, composto por unha litografía de Tàpies e unhas palabras de Valente alusivas á UHP (Unión de Hermanos Proletarios) que dinamizara aquela histórica revolta.
Quedan representadas todas as facetas de Valente nesta exposición?
Pois dalgún xeito si, xa que aparece o Valente existencial, que afonda na identidade humana en paralelo aos retratos de Saura; o Valente social, como mostran os seus versos de denuncia da ditadura e da tortura en sintonía coas figuras penduradas e desaparecidas de Rebeyrolle; o Valente metafísico, que conflúe nos seres que son estares coas cardinais encrucilladas de Forteza; ou o Valente místico, cuxas leccións de tebras recrearon Salinas e Carrió. Por iso esta exposición condensa toda a súa traxectoria intercultural, a que parte da Ourense orixinaria, como reflicte Virxilio, representando un carballo frecuentado na mocidade cuxa tala poetizara o seu coetáneo e conterráneo Valente; a que se identifica con Galicia, mesmo coa da emigración, patente no alén que ilustraron de tan diferentes xeitos Saura, Chillida e Nóvoa; a que se proxecta en colaboracións internacionais con Tàpies, Rebeyrolle, Partenheimer, etc.
Como podería valorarse a colaboración do Ateneo de Santiago?
A cultura en xeral e particularmente a universitaria debe estar sempre aberta á sociedade, polo que me parece moi ben a conexión da USC cunha plataforma cívica tan activa e dinamizadora como é o Ateneo de Santiago. Alegreime pois de que o poeta Salvador García-Bodaño, presidente do Ateneo, participase con belas verbas na inauguración da exposición, así como de que o catedrático emérito da USC José Manuel González Herrán me presentase na conferencia organizada ao respecto ante o sempre numeroso público ateneísta, acto que terminou cun moi participativo coloquio. E precisamente non tardando terei o gusto de realizar unha visita guiada pola exposición para os socios de dita entidade, como teño feito así mesmo para algunhas vellas amizades de Valente que se achegaron a Fonseca, como a do seu colega como funcionario internacional en Xenebra Xoán Anllo ou a de Luis Matilla e a pintora Lola Valls que viñeron de Almería.
Cal será a próxima actividade relacionada coa exposición?
A presentación nela o 27 de decembro do libro Poemas a Valente, do poeta Saturnino Valladares, doutor en Valente e profesor na Universidade Federal do Amazonas en Brasil, que con motivo do noventa aniversario do escritor ourensán neste ano, reúne composicións dedicadas a este por autores como Aleixandre, Luz Pozo Garza, Blanca Varela, Gamoneda, Gelman, Costafreda, Goytisolo, Noël, Gimferrer, Ullán e un longo e internacional etc., entre o que me conto xunto a outros moitos escritores máis novos que os citados. Os poemas serán lidos por poetas, valentistas e outros colaboradores da Cátedra Valente precisamente en fusión de poesía, apertura e transferencia.
Que máis cumpriría engadirse?
O meu agradecemento á vicerreitora de Cultura da USC, Mar Lorenzo, quen xa acollera outra exposición sobre Valente en 2003, a primeira na súa primeira etapa neste cargo; ao director da área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, e ao montador da exposición, Eloy Blanco; á concelleira Mercedes Rosón, con quen comezou este proxecto na USC antes de que ela volvese ao goberno do Concello de Santiago; ao bibliotecario da Cátedra Valente, Francisco Xavier Redondo Abal; á sempre colaboradora loxística Manuela Aira; á deseñadora Cristina Fiaño, quen ultimou a imaxe pública da mostra, e ás doutoras e escritoras Carmen Blanco, María Lopo e Adina Vladu, polo seu sempre lúcido e poético parecer. Dou grazas, pois, a estas persoas e a todas as que posibilitaron coas súas obras a realización dun proxecto verdadeiramente integral, pois nel converxeron sinerxías institucionais, sociais, culturais, artísticas e literarias, sen esquecer por suposto as persoais, porque ningunha colectividade nin proxecto pode funcionar sen o traballo responsable, sen o compromiso xeneroso e sen a implicación ilusionada dos individuos que acometen empresas como esta.
Ver en Xornal USC
comment closed