SANTIAGO DE COMPOSTELA | Hoxe, no ciclo de conferencias dos Luns do Ateneo, escoitaremos a Rosaura Leis falar sobre os beneficios da dieta atlántica, nunha conferencia titulada ‘Falsos mitos en alimentación. A Dieta Atlántica, un seguro de saúde’. O relatorio, organizado pola sección Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente do Ateneo de Santiago, terá lugar ás 20.00 na Rúa do Vilar, 19.
A dieta atlántica caracterízase pola abundancia de alimentos de tempada, locais e minimamente procesados, ademais do consumo de alimentos procedentes de plantas, de peixes e de moluscos e crustáceos, tanto de mar como de río. A dieta inclúe tamén un consumo moderado de lácteos, carne, ovos e sobremesas compostas principalmente de fariña, ovos e froitos secos; o uso de salsas con baixa carga enerxética; abundancia da auga de mananciais, e mesmo o consumo moderado de viño, normalmente en comidas.
O estilo de vida atlántico, ao que se suma a elevada actividade física, as melloras en medicina e a dispoñibilidade universal dos servizos sanitarios e sociais, fixeron dos nosos maiores unha das poboacións máis lonxevas do mundo. O reto actual convértese en conseguir manter estes hábitos para que os nosos fillos cheguen a vivir máis tempo e coa mesma calidade de vida que os seus avós.
Rosaura Leis é presidenta do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica da USC, dieta da que é acérrima defensora; Vicepresidenta da Sociedade de Nutrición e Dietética de Galicia e profesora titular de pediatría na Universidade de Santiago de Compostela. É ademais autora de máis dun centenar de libros, capítulos e artigos en revistas internacionais, alén de ter dirixido máis de 20 teses doutorais. Máis información
Ver en Galicia Diario
comment closed